O Entroido de Budián regresa o 2 de marzo a San Romao de Acedre


A recentemente creada Asociación Cultural Entroido de Budián organizará, o vindeiro domingo 2 de marzo, unha nova edición do Entroido de Budián. Este evento, que se celebra por cuarto ano consecutivo tras ser recuperado do esquecemento, percorrerá as aldeas da parroquia de San Romao de Acedre nun ambiente festivo e cheo de tradición.
O percorrido dará comezo ás 10:30 horas no Campo de Budián e estenderase por toda a parroquia, acompañado de música e con paradas en distintos puntos da zona para compartir a celebración con veciños e visitantes.
Ao remate da xornada, os participantes do Entroido poderán gozar dun xantar de balde. Para quen desexe sumarse á comida sen ter participado no desfile, o custo será de 10 euros. As inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico a entroidodebudian@gmail.com.
A Asociación Cultural Entroido de Budián conta coa colaboración do Concello de Pantón para a organización deste evento. Ademais, o cartel desta edición foi elaborado pola deseñadora gráfica Lucía López Vázquez, quen plasmou no seu deseño o espírito festivo e tradicional desta celebración.
