O Encontro arredor do Viño regresa a Quiroga do 13 ao 15 de xuño

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación do cuarto Encontro arredor do Viño impulsado pola asociación Quiroga en Marcha, que se desenvolverá a fin de semana do 13 ao 15 de xuño baixo título ‘Montefurado: patrimonio e terroir’.
O delegado territorial, Javier Arias, participou no acto xunto co alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; Juan Luis Vázquez, en representación do colectivo organizador; e a enóloga Alba López. Arias apuntou que a Xunta colabora coa iniciativa, “que pon en valor un sector clave para a economía da zona”.
O programa inclúe visitas guiadas ás adegas Alvaredos-Hobbs e Casa de Outeiro, así como un percorrido por viñedos de Montefurado dirixido por Víctor Aira, de Adamare Wines, que falará sobre o proceso de recuperación de viñas.
Así mesmo, haberá unha mesa redonda sobre ‘O Terroir de Montefurado’, na que intervirán representantes de Bodega Algueira, Abadía da Cova, Casa de Outeiro e Adamare Wines.
As xornadas tamén afondarán na historia e características do túnel romano de Montefurado, que centrará unha charla na Casa da Cultura de Quiroga o sábado 14 de xuño, e unha visita comentada por un arqueólogo o domingo 15.
As prazas son limitadas en todas as actividades salvo a conferencia e a mesa redonda, que serán de acceso libre ata completar aforo. A cita terá como presentadora á sumiller e divulgadora enolóxica Mónica Rosón.