O Edificio Multiusos de Monforte acolleu o tradicional Concerto de Nadal do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez

O Edificio Multiusos acolleu un ano máis o tradicional Concerto de Nadal do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez, unha cita na que alumnado e profesorado se reuniron ante un numeroso público para amosar todo o aprendido no que vai de curso.
O concerto presentou un variado programa musical no que se interpretaron arredor dunha quincena de pezas, coa participación das diferentes especialidades instrumentais e formativas do centro. Sobre o escenario combináronse actuacións de saxofón, violín, clarinete e frauta, percusión, vento metal, ademais do coro e da orquestra do conservatorio.
O repertorio incluíu tanto composicións de temática natalicia como obras de autores clásicos e contemporáneos, ofrecendo un percorrido diverso e accesible para todo tipo de público. Entre as interpretacións destacaron varias pezas corais e instrumentais propias destas datas, xunto con outras obras do repertorio académico.
O peche do concerto correu a cargo da orquestra do Conservatorio Mestre Ibáñez, que interpretou varias pezas baixo a dirección de Fernando Sanmartino, poñendo o broche final a unha velada musical que volveu poñer en valor o traballo formativo e artístico que se desenvolve no centro municipal.