O Dúo Éire actuará en Pantón no marco do programa Primavera Musical

RibeiraSacraXa
O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais organizan un concerto de acordeón a cargo do Dúo Éire, formado por Marta Cubas Hondal e Elisa Ruiz Ibarlucea, que terá lugar o 25 de maio
duo-eire
Dúo Éire
15 May 2025

No marco do programa Primavera Musical, o Concello de Sober xunto coas Xuventudes Musicais ofrecen un concerto gratuíto do Dúo Eire. O espectáculo, titulado ‘Reflexos Folclóricos’, será o día 25 de maio ás 12.00 horas no Centro Sociocultural de Sober.

Este programa musical combina composicións fortemente ligadas ao folclore, tanto nas obras inspiradas directamente nas tradicións musicais de distintas rexións como nas que exploran a relación entre o contemporáneo e as raíces. Entre as pezas destacan as de Manuel de Falla e Francisco Escudeiro, que incorporan elementos característicos da tradición musical española, así como obras de compositores actuais como Brais Novoa e Iñaki Carcavilla, que integran de forma sutil elementos folclóricos.

O Dúo Éire formouse en 2019 no Musikene – Conservatorio Superior de Música do País Vasco, onde ambas as intérpretes desenvolveron a súa formación individual e conxunta. En 2023 obtiveron o primeiro premio no XIII Concurso de Música de Cámara da Cidade de Ávila e, previamente, gañaron o primeiro premio na categoría de música de cámara no V Concurso de Interpretación para Estudos de Acordeón Aris do Porto.

Ademais, o dúo mantén unha estreita colaboración con compositores contemporáneos, estreando obras como ‘Borina’, de Iñaki Carcavilla Garasa, e preparando novos lanzamentos de compositores como Brais Novoa, Juan de Dios Ruiz e Lorenzo Sorgi. Recibiron masterclasses de músicos destacados como Veli Kujala, Stefan Hussong, Marko Sevarlic e outros.

⚙ Configurar cookies
0.12662696838379