'O Dragón de ouro', de Sarabela Teatro, será representada este xoves en Monforte

RibeiraSacraXa
É unha peza incluída no Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta e dirixida a público adulto
O-Dragón-de-Ouro
15 Oct 2024

Este xoves, 17 de outubro, o Edificio Multiusos de Monforte acollerá unha nova obra de teatro dentro do ciclo correspondente ao segundo trimestre deste ano 2024.

Así, será posta en escena a obra para adultos 'O dragón de ouro', da compañía Sarabela Teatro, obra coa autoría de Roland Schimmelpfenning, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e cun elenco artístico conformado por Fernando González, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fran Lareu e Fina Calleja.

É unha peza incluída no Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta e dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados, que terá lugar ás 20.15 horas.

O 'Dragón de ouro' é unha das obras deste autor máis representadas en todo o mundo. Mesmo hai unha adaptación á ópera. Esta vai ser a primeira vez que se poida escoitar e ver en galego. Para iso, cóntase coa colaboración do Instituto Goethe e a magnífica tradución de Catuxa Pato.

A obra sitúa o tema nun novo contexto e entusiasma a espectadores e espectadoras polo áxil cambio de roles. Os momentos humorísticos con paradoxos, debuxan un interesante retrato sobre os inmigrantes ilegais e a súa explotación no mundo occidental. O conflito central está no mundo mergullado de traballadores “sen papeis”; Schimmelpfenning sabe tirar desta ideade necesidade, de límite, de desexo de mudar as condicións de vida para sacar todo o proveito do mundo cunha mestría única.

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, para público adulto, será Desexo, da compañía Talía Teatro, que terá lugar o xoves 7 de novembro no Edificio Multiusos ás 20.15 horas.

0.18475794792175