Publicada a nova liña de axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos da DO Ribeira Sacra
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova liña de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra.
Apoiarase a destilación de viños tintos amparados por esta DO, co fin de equilibrar o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da colleita da vendima deste ano.
As achegas contan cun orzamento de 500.000 euros, aínda que o montante poderá ampliarse ata os 2,4 millóns de euros no caso de ser necesario. Neste sentido, estas axudas están financiadas na súa totalidade a través de fondos propios da Consellería, e responden á cantidade autorizada pola Comisión Europea como cifra máxima, con 1,05 euros por litro de viño destilado.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, 2 de outubro, día seguinte á publicación desta orde no DOG. E a destilación de crise poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de novembro de 2024 e o alcohol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, incluída a fabricación de desinfectantes e produtos farmacéuticos ou enerxéticos, co fin de evitar distorsións da libre competencia.
Poderán beneficiarse destas achegas aquelas empresas vitivinícolas que elaboren viño tinto baixo o distintivo de calidade DO Ribeira Sacra e que cumpran unha serie de requisitos establecidos na orde como, entre outros, que tiveran comprado uva na campaña 2023-2024 a persoas viticultoras, ou que utilizaran uva dos seus propios viñedos.
As persoas beneficiadas deberán entregar o viño a unha destilería autorizada, terán que presentar antes do 31 de xullo de 2025 unha declaración do destino do alcohol obtido e o viño entregado deberá ter un grao alcohólico adquirido non inferior ao 4,5 %.