O día 24 terá lugar en Bóveda unha xuntanza en pro da recuperación da terra agraria
Esta reunión informativa que se celebrara na Casa da Cultura do municipio tratará o tema do polígono agrario que se prevé impulsar ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da consellería do Medio Rural, trasladaranse o vindeiro día 24 de setembro ás 11.00 horas á Casa da Cultura do Concello de Bóveda para manter unha xuntanza cos veciños e veciñas da localidade e explicarlles tódolos detalles.
O polígono porase a andar para darlle base territorial a quen a precise, recuperar terreo agora abandonado e previr incendios forestais.
OBXECTIVO
A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ten como finalidade a recuperación das terras agrarias da nosa comunidade para uso agrícola, gandeiro e forestal.
Así, o apoio á actividade agrícola e aos ingresos das explotacións agrarias familiares e ás mulleres agricultoras, o fomento da aplicación de prácticas agrícolas que contribúan ao mantemento dos ecosistemas e incrementen a capacidade de adaptación ao cambio climático, o fomento da xestión forestal sustentable e activa, e a loita contra a degradación e o abandono dos solos agrarios son cuestións transversais presentes nesta lei e eixos fundamentais do Pacto verde europeo.
A aposta estratéxica pola recuperación de terras abandonadas mediante a súa posta en valor presenta varios eixos fundamentais: a creación de actividade económica no medio rural (factor fundamental á hora de combater o reto demográfico), a mitigación e adaptación ao cambio climático (en especial mediante a prevención dos incendios forestais), a seguridade alimentaria (a través da protección da capacidade produtiva da terra e o fomento da súa posta en produción) e o impulso dunha planificación da paisaxe agraria que permita a creación de ecosistemas resilientes cunha probada capacidade de recuperación fronte a perturbacións como grandes incendios ou graves riscos fitosanitarios.
Así mesmo, esta lei non só é un instrumento que permita facer fronte ao reto demográfico ao promover a recuperación de asentamentos poboacionais que progresivamente veñan reducir o problema do despoboamento do rural, senón que tamén constitúe unha aposta clara pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, na medida en que facilita a mobilidade e dispoñibilidade de terras e crea unhas condicións de desenvolvemento das iniciativas de emprendemento agrogandeiro e forestal máis equitativas entre xéneros.