O Desfile de Comparsas de Chantada repartirá 6.000 euros entre os participantes

RibeiraSacraXa
Será o sábado, 15 de febreiro, e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse entre o 22 de xaneiro e o 10 de febreiro
comparsa-Entroido-Chantada
21 Jan 2026

O Concello de Chantada organiza un ano máis o Desfile de Comparsas, que se celebrará o sábado, 14 de febreiro, dentro da programación do Entroido de 2026. En total, este ano repartiranse 6.000 euros, dos cales 5.000 corresponderán a premios e 1.000 a axudas.

As comparsas percorrerán as rúas de Chantada desde a Avenida de Lugo ata a Praza de Galicia, onde terá lugar a actuación da orquestra La Travesía, que poñerá o punto final á celebración.

O concurso divídese nas categorías de Comparsas Adultos, para grupos formados por máis de 15 persoas, e Comparsas Infantil, para grupos tamén de máis de 15 integrantes formados integramente por menores de 14 anos ou nos que máis do 70 % dos seus membros sexan menores desta idade.

En ambas categorías outorgaranse premios de 700, 500 e 300 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente. Ademais, por segundo ano consecutivo, inclúense premios de carácter local, compatibles cos anteriores, que repartirán 500, 300 e 200 euros para os tres primeiros clasificados.

Co obxectivo de fomentar a participación, o Concello de Chantada destinará tamén unha axuda de 100 euros ás dez primeiras comparsas de máis de 15 integrantes que se inscriban entre o 22 de xaneiro e o 10 de febreiro no Rexistro do Concello.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Chantada ou chamar ao teléfono 982 441 752.

O xoves, día 12 de febreiro, celebrarase unha reunión de obrigada asistencia na Casa da Cultura, na que participará un representante de cada comparsa, que deberá achegar un audio de non máis de tres minutos que se reproducirá durante o desfile. Este encontro servirá para aclarar dúbidas e concretar a posición de cada grupo no percorrido.

As bases establecen tamén unha duración máxima de tres minutos para as actuacións das comparsas diante do palco e do xurado, que valorará, nunha puntuación de 1 a 10, aspectos como o vestiario e a orixinalidade dos disfraces, a posta en escena durante o desfile, a simpatía e a graza dos participantes, a orixinalidade da carroza ou plataforma, o título da comparsa ou grupo e a actuación final.

⚙ Configurar cookies
0.21333003044128