O CSIC analiza O Escourial da Pobra do Brollón nun proxecto de investigación científico e histórico
A Pobra do Brollón está sendo a protagonista do proxecto de investigación 'Recoñecendo a actividade humana fóra dos castros da Idade do Ferro do Noroeste ibérico mediante metodoloxías non invasivas (HINTERLAND)' do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica no marco da convocatoria “Proxectos de Xeración de Coñecemento 2021”, o proxecto ten como investigadores principais a César Parcero e David González e conta coa colaboración de Xurxo Ayán, da Universidade Nova de Lisboa, quen desenvolve traballos arqueolóxicos na zona desde hai décadas. Ademais, participa a Asociación de Veciños de Cereixa María Castaña.
O traballo de campo prolongarase durante todo o mes de xuño e estase a desenvolver na parcela coñecida como “O Escourial”, nas inmediacións do castro de San Lourenzo, e emprega como técnicas a fotointerpretación, voos con drons, prospección intensiva, prospección xeofísica e sondaxes valorativas manuais.
“A parcela coñecida como O Escourial sitúase no fondo de val, na bacía sedimentaria do río Saa a rente do Camiño de Inverno. Emprázase entre as aldeas de Nogueiras (parroquia de San Pedro de Cereixa) e Brollón (parroquia de San Pedro da Pobra do Brollón). Este carácter lindeiro do terreo fai que contemos con documentación na que se consigna o microtopónimo Escourial”, explica David González Álvarez, quen engade que “se trata dun lugar de interse para o proxecto, pois pretende explorar a contorna dos castros prerromanos, espazos pouco investigados ata agora”.
Anterior á época medieval
“Polo momento, o documento más antigo localizado no que aparece mencionado O Escourial é un apeo e declaración de bens da Igrexa de San Pedro de Cereija, encargado polo señor feudal do coto e xurisdición de Cereixa, o bispo de Lugo, en 1593. Neste detallado documento, unha comisión de homes leva a cabo a revisión de todos e cada un dos mollóns de término da parroquia. Por estas páxinas vanse sucedendo diversos xacementosarqueolóxicos de natureza visible e monumental, como A Pena da Arca ou A Modorra dos Mouros, até chegar ao Escourial. O mollón do Escourial volve ser citado no Interrogatorio General do Catastro de Ensenada a mediados do século XVIII ao referirse aos límites da parroquia da Pobra do Brollón (1753)”, engade Xuxo Ayán.
Por tanto, o equipo considera que se pode rexeitar como hipótese a posibilidade de que este Escoural estivese vinculado a ferrerías da época moderna, xa que “está plenamente asentado no século XVI e parece factible que proceda de tempo atrás. Neste sentido, temos a certeza de que se trata de restos dunha actividade metalúrgia polo menos medieval e, probablemente, anterior”, avanza Ayán, quen explica que “no “Voo americano” de 1956 detéctanse unha serie de formas liñais no subsolo, a rente da parcela onde existiu un escourial de grandes dimensións, desmantelado na década de 1950 para ser amortizado por unha empresa siderúrxica asturiana. As análises de escouras procedentes deste sitio, feitas en 2017 por investigadores da Universidade do País Vasco, indican que se trata dunha metalurxia antiga anterior sen dúbida á época medieval”.
“Desde o INCIPIT estamos a realizar varias fases sucesivas de investigación co uso de métodos non invasivos, que inclúen a análise de fotografías aéreas, a toma de novos datos con drons, e labores de prospección xeofísica. Todas elas encamiñadas a determinar os lugares máis propicios para expor a escavación de sondaxes arqueolóxicas”, di David González Álvarez.
Neste contexto, o proxecto ten como obxectivo contextualizar mellor os restos documentados no castro de San Lourenzo, pola súa proximidade, onde escavacións recentes demostraron que era un poboado especializado na metalurxia de ferro antes da chegada dos romanos. A hipótese que pretenden validar ou refutar agora é se O Escourial podería ser a zona de extracción e procesado dese mineral de ferro. Ademais, preténdense investigar pegadas vinculables ás actividades produtivas desenvolvidas polos antigos habitantes do castro de San Lourenzo.