O CourelSon acollerá a actuación de Dúbida e a presentación do libro 'Animais fantásticos de aldea'

RibeiraSacraXa
O CourelSon acollerá a actuación de Dúbida e a presentación do libro 'Animais fantásticos de aldea' o 24 de xullo
grupo Dúbida
14 Xul 2023

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza para o vindeiro 24 de xullo e a partir das 20.30 horas a actuación do quinteto ‘Dúbida’ na aira de Vieiros, en Folgoso do Courel, no marco do CourelSon 2023, Jazz e Blues na Montaña.

O CourelSon caracterizase por xuntar grandes figuras do Jazz e Blues con grupos prometedores aos que lles damos a oportunidade de compartir cartel con eses mestres e este é o caso de ‘Dúbida’, quinteto de funk/blues compostelán formado hai menos de tres anos por cinco músicos que teñen unha grande experiencia musical ás súas costas.

Outra actividade no marco do CourelSon

Ademais, ás 19.30 horas vaise presentar o libro ‘Animais fantásticos de aldea’, da moza escritora e ilustradora Andrea García Martínez, inspirado na parroquia de Froxán, do Courel, e destinado a todo o público, pero sobre todo ao público infantil.

Para a súa presentación, contarase con Paula Carrera Sotelino, parte fundamental da cooperativa Outonía e residente na mesma aldea de Vieiros e a propia autora do libro.

Pola tarde tamén haberá percorridos interpretados a cargo de Diego García, da Cooperativa Miudiño, entidade asociada a AEGNEA (asociación de empresas de guías de natureza e educadores ambientais), que colabora coa Asociación nesta actividade. Nestes percorridos, que se desenvolverán a partir das 18.00 horas, poderase descubrir Vieiros, unha aldea que naceu no xeo e que os lumes mantiveron viva.

animais fantasticos de aldea libro
0.19435691833496