O Courel soará a jazz e blues este verán coa nova edición do CourelSon

A música volverá conquistar a Serra do Courel este verán coa celebración do CourelSon 2025, un ciclo de concertos ao aire libre que aposta pola fusión entre o jazz, o blues e a natureza. A iniciativa, impulsada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel coa colaboración da Deputación de Lugo e outras entidades, achegará grupos e artistas recoñecidos a diferentes parroquias da zona entre o 25 de xullo e o 22 de agosto.
O primeiro dos concertos tivo lugar o 25 de xullo en Esperante, onde o público puido gozar coa enerxía da Minnemann Blues Band. A programación continuará o 1 de agosto en Vieiros coa actuación de Los Winters, formación cun potente son clásico e raíces rockeiras. O día seguinte, 2 de agosto, o Pablo Sanmamed Cuarteto tomará o relevo en Vilamor, cunha proposta jazzística de alto nivel.
O ciclo continuará o 9 de agosto en Paderne, onde se contará coa presenza de Julián Maeso, músico e compositor de longa traxectoria no panorama estatal. Como peche, o 22 de agosto, o grupo Why Go actuará en Seceda, ofrecendo unha mestura de sons contemporáneos e influencias soul.
Todos os concertos comezarán ás 20:30 horas e serán de balde, o que permite que tanto a veciñanza coma as persoas visitantes poidan participar dunha experiencia cultural única nun entorno privilexiado.
Desde a organización destacan que o CourelSon non só promove o acceso á cultura musical en contornas rurais, senón que tamén contribúe a dinamizar o territorio, poñendo en valor a riqueza natural e humana da Serra do Courel. A programación completa e a localización dos concertos pódese consultar a través do código QR dispoñible nos carteis oficiais do evento.