O Courel pon en marcha unha liña de axudas para empresarios e autónomos

RibeiraSacraXa
Contará un orzamento ao redor de 25.000 euros, que se destinará a reactivar a actividade económica no municipio
concello folgoso courel
12 Feb 2021

O Concello de Folgoso do Courel porá en marcha, por segundo ano consecutivo, unha liña de axudas extraordinaria co obxecto de reactivar a actividade económica dos empresarios e autónomos do municipio.

Estas axudas, que contarán cun orzamento total duns 25.000 euros, serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras Administracións ou entes, públicos ou privados, sempre e cando o importe total das achegas que se perciba non supere as perdas económicas derivadas da covid-19 e os gastos necesarios para a adecuación de locais de cara á reapertura dos negocios.

Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas as persoas traballadoras por conta propia e as micropemes, conforme a unhas bases que o goberno local dará a coñecer nas vindeiras semanas. Será entón cando se fagan públicos tamén os detalles da convocatoria e o prazo para a presentación das solicitudes. O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva.

O pasado ano, o Concello de Folgoso do Courel concedeu estas achegas a todas as persoas que as solicitaron, un total de 11 autónomos e empresarios da localidade.

alcaldesa folgoso courel
0.20325207710266