"O Courel, destino e futuro vital" foi presentado en Quiroga coa presenza de autoridades da Xunta
Quiroga acolleu a apertura do programa "O Courel, destino e futuro vital", unha iniciativa promovida pola entidade de formación empresarial Noa Innova e o seu responsable, José María López Bourio.
Nela, estiveron presentes Javier Arias, o delegado territorial da Xunta en Lugo, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. Arias destacou que a Xunta apoia esta iniciativa “dado que compartimos os obxectivos de diversificar a actividade económica da comarca, xerar emprego e fixar poboación moza”.
Neste sentido, expuxo algunhas das “solucións transversais” que aplica o Goberno galego tanto no eido económico -especialmente para potenciar os sectores primario e turístico-, como no social, “con recursos de conciliación e creando as condicións para que vivir no rural non supoña unha desvantaxe, senón todo o contrario”, apuntou o delegado.
Pola súa parte, o director sinalou que unha adecuada ordenación e xestión do territorio é o antecedente da implantación dunha actividade sostible e rendible no rural. Así, referiuse á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e á futura Lei da calidade alimentaria, que servirá de impulso ás certificacións de calidade xa existentes que permiten promocionar e protexer toda a produción de calidade do territorio galego. Actualmente hai dispoñibles 37 selos de calidade que acreditan, identifican e posicionan -dixo- os produtos galegos.