O Contencioso dá a razón ao Concello de Monforte contra FCC Aqualia SA

RibeiraSacraXa
El Juzgado Contencioso-administrativo de Lugo le da la razón a Monforte de Lemos frente a la empresa FCC Aqualia SA.
concello monforte
20 Feb 2022

O alcalde de Monforte, informou dunha nova sentencia favorable para o Concello fronte á empresa FCC Aqualia S.A., esta vez en relación ás obrigas contractuais desta empresa que ten pendentes de executar dos anos 2001 a 2003.

O fallo a favor do Concello ven recollido na sentenza nº 269/2021 ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se desestima o recurso contencioso-administrativo interposto por FCC Aqualia S.A. contra o acordo do Pleno de Monforte do 27 de xullo de 2020, en virtude do cal se desestima o recurso de reposición interposto contra o acordo do Pleno de 24 de febreiro de 2020, polo que se requiría a esta empresa a cantidade de 2.221.980,36 euros, máis os intereses de demora, polas obrigas contractuais incumpridas por esta empresa entre os anos 2001 e 2003.

Do total demandado polo Concello, a sentencia recoñece á empresa a inversión de 734.276,46 euros en obras realizadas e contribucións ó plan de inversións que figuraba no contrato, pero obrígalle a abonar ó Concello a cantidade de 1.671.671,22 euros, ós que se deberán engadir intereses, a computar dende a data de requirimento formal á empresa, en marzo de 2018.

“Novamente a xustiza danos a razón, e xa son varias sentencias favorables fronte a Aqualia. Nesta ocasión supón unha cantidade económica de enorme importancia, pois é superior ós 1,6 millóns de euros. É unha excelente noticia para este Concello, porque a cantidade en si, á que lle hai que engadir os intereses de demora, é certamente importante, e unha vez recibida polo Concello, permitirá levar a cabo importantes investimentos en infraestruturas e actuacións de mellora para o municipio”, salientou o rexedor monfortino.

Pero José Tomé tamén anunciou, con respecto a esta decisión xudicial, que “dende o Concello imos recorrer esta sentencia porque creemos que a cantidade que se reclamou a través do acordo tomado polo Pleno é a que debe ser aboada por Aqualia”.

ANTECEDENTES
O 7 de xuño do ano 2001, o Concello de Monforte e a empresa FCC Aqualia S.A., formalizaron o contrato administrativo da concesión do servizo de abastecemento de auga.

No prego de cláusulas de dito contrato, o criterio nº 9 de adxudicación establecía as melloras de dito contrato, resultando a empresa Aqualia como a que obtivo a puntuación máxima nese criterio.

Conforme a iso, as melloras ofertadas pola empresa como “Plan de Investimentos”, consistían na execución dunha serie de obras por importe total de 400.316.000 pesetas (2.405.947,68 euros), e que debían comezar a executarse ós 3 meses da entrada no servizo.

En concreto, as obras ofertadas consistían nun estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, a mellora nos depósitos de San Vicente, a execución de fontes cibernéticas modulares, a execución dun parque acuático en Monforte, así coma outras melloras que favorecesen a prestación do servizo.

Das referidas melloras, Aqualia realizou parcialmente a obra referente ó estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, investindo a cifra de 40.784,96 euros (dos 378.803,49 ofertados) e respecto da construción dun parque acuático para Monforte, aportou 143.182,29 euros para a adquisición dos terreos, habendo ofertado un total 1.594.236,34 euros para este proxecto.

O 19 de marzo de 2018, o actual alcalde elevou ó Pleno da Corporación a proposta de requirir á empresa demandante o abono da cantidade de 2.221.980,43 euros, máis os intereses legais, en concepto de importe pendente de executar das obrigacións de investimentos contractuais desta empresa, pero non foi aceptada. O 24 de febreiro de 2020 foi de novo levada a Pleno esta proposta, sendo esta vez finalmente aprobada.

A empresa Aqualia formulou contra ela recurso de reposición, que foi desestimado por resolución do Pleno do 27 de xullo de 2020.

ALEGACIÓNS POR PARTE DE AQUALIA
No recurso contencioso-administrativo interposto por Aqualia, pedía a impugnación forma da decisión acordada polo Pleno do Concello aludindo a que o expediente estaba caducado, ó que a sentencia do Xulgado responde que “non procede apreciar a caducidade en tanto en canto non nos atopamos ante un procedemento autónomo senón que se trata dunha incidencia na execución do contrato”.

Por outra banda, a empresa tamén alegou que desenvolveu obras, en función das necesidades prantexadas, que aínda que non estaban incluídas no Plan de Mellora, si foron obras de mellora executadas. Neste senso, recoñécese por parte da sentenza obras por importe de 734.276,46 euros, das cales corresponden ó Plan de Mellora 183.967,25 euros.

Deste xeito, a sentencia entende “que a empresa actora está obrigada a abonar a cantidade de 1.671.671,22 euros tras haberse recoñecido ó seu favor a cifra de 734.276,46 euros en concepto de obras realizadas e achegas a cargo do Plan de Investimentos.” A estes máis de 1,6 millóns de euros deberase engadir “o interese legal do diñeiro a computar desde a data do requirimento formal á empresa (21/03/2018)”.

Esta sentencia, tal e como indicou o alcalde, será recorrida polo Concello, que reclamará a cantidade total acordada polo Pleno.

0.06827712059021