O Consorcio de Bombeiros da Coruña envía efectivos para a extinción do incendio en Quiroga

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Dúas dotacións da provincia desprazáronse para colaborar co operativo no nivel 2 de alerta, protexendo núcleos de poboación próximos ao lume
A CORUÑA bombeiros a lugo
26 Aug 2025

O Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña enviou dúas dotacións para apoiar as tarefas de extinción do incendio forestal que afecta ao municipio lucense de Quiroga, onde permanece activado o nivel 2 do Plan de Emerxencias pola proximidade do lume a núcleos habitados. O operativo desprazado está composto por dous vehículos BNP con capacidade para 8.000 litros de auga cada un, dous vehículos de mando e un total de 8 bombeiros que traballaron durante toda a noite en condicións extremas.

O incendio, que se iniciou en Larouco (Ourense), propagouse ata Quiroga, arrasando miles de hectáreas de superficie forestal. As altas temperaturas e o vento favoreceron o avance das chamas polas ladeiras, achegándose a zonas próximas a vivendas. Esta mañá, o equipo desprazado será substituído por outro grupo de oito bombeiros para garantir a continuidade dos labores de extinción.

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e do Consorcio Provincial de Bombeiros, destacou a importancia destes despregamentos: “O labor dos efectivos que se desprazan para apoiar outras provincias é fundamental para protexer tanto ao territorio como ás persoas afectadas polos incendios”. A Deputación mantén a súa disposición para colaborar cos dispositivos activados pola Xunta de Galicia, sumando medios humanos e técnicos para facer fronte á vaga de incendios que afecta á comunidade nas últimas semanas.

⚙ Configurar cookies
0.16278195381165