O Conservatorio Profesional de Música ‘Mestre Ibáñez’ celebra o seu 25 aniversario

RibeiraSacraXa
O Concello organizariá un amplo programa de actividades culturais entre abril e xuño para conmemorar esta data
presentacion-25-aniversario-conservatrio-moonforte
9 Apr 2026

O Concello de Monforte de Lemos conmemora o 25 aniversario do Conservatorio Profesional de Música ‘Mestre Ibáñez’ cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán entre os meses de abril e xuño. O alcalde, José Tomé Roca, presentou a iniciativa acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o director do centro, Fernando Sanmartino.

Durante a presentación, o rexedor repasou a traxectoria do conservatorio desde a súa creación en 1999 como aposta municipal pola formación musical. Neste tempo, explicou, o centro consolidouse cunha oferta estable de ensinanzas e cun total de sete especialidades: Piano, Percusión, Clarinete, Saxofón, Violín, Vento metal e Guitarra, ademais dun equipo docente formado por 10 profesionais.

Tomé Roca destacou tamén a dimensión formativa do proxecto, sinalando que nestes 25 anos pasaron polo conservatorio arredor de 800 alumnos e alumnas, que sumados aos da Escola Municipal de Música superan os 2.000 formados no conxunto das ensinanzas. Ao seu xuízo, “son unha boa mostra do impacto e da relevancia deste proxecto educativo no noso municipio”. Moitos destes estudantes, subliñou, “continuaron a súa traxectoria no ámbito profesional da música, especialmente na docencia”, mentres que outros “levaron consigo unha formación que contribuíu de maneira moi positiva ao seu desenvolvemento integral”.

O programa de actividades comeza este venres, 10 de abril, cunha mesa redonda titulada “A influencia da Música na saúde e na formación integral da persoa”, que contará coa participación de investigadores de distintas universidades e centros de investigación. Nela abordaranse, desde unha perspectiva científica, os efectos da música na saúde e no desenvolvemento persoal. A sesión celebrarase na Casa da Cultura ás 18.00 horas e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube do Concello. Segundo explicou o alcalde, trataranse cuestións como o efecto da práctica musical no cerebro, ou o impacto da música en enfermidades como o Alzheimer, o trastorno autista ou o dano cerebral.

O calendario continuará o 24 de abril cun concerto de mestres do conservatorio no Edificio Multiusos, e o día 30 terá lugar a actuación do grupo Brassica Rapa na Casa da Cultura, unha formación de vento metal e percusión composta integramente por mulleres e cun repertorio que mestura diferentes estilos musicais.

Xa no mes de xuño, o día 6 celebrarase o acto central do 25 aniversario na Casa da Cultura Lois Pereiro, cunha cerimonia que contará coa participación de exalumnos e exalumnas que desenvolveron carreira profesional na música, así como co recoñecemento á comunidade educativa do centro. Nesta celebración entregaranse tamén obsequios conmemorativos.

O alcalde subliñou o compromiso municipal coa cultura e coa educación musical e sinalou que esta programación busca poñer en valor o traballo realizado polo conservatorio ao longo destes 25 anos, concluíndo que “organizamos un amplo programa de actos á altura dunha conmemoración como o 25 aniversario do noso Conservatorio e que, estamos seguros, será do agrado da cidadanía”. Tamén convidou á veciñanza a participar nas actividades e “asistir e desfrutar da música, porque a música é arte e tamén saúde”.

0.11997699737549