O Conservatorio Municipal de Música de Monforte convoca as probas de acceso para o vindeiro curso

RibeiraSacraXa
Ofreceranse as especialidades de violín, guitarra, piano, percusión, clarinete, saxofón, tuba, trompa, trompeta e trombón de varas
conservatorio-Monforte
11 Jun 2025

O Concello de Monforte de Lemos informa da apertura do prazo de matrícula para o curso 2025/2026 no Conservatorio Municipal de Música “Mestre Ibáñez”. O centro ofrece formación en distintas especialidades instrumentais: violín, guitarra, piano, percusión, clarinete, saxofón, tuba, trompa, trompeta e trombón de varas.

As persoas interesadas poderán optar a diferentes probas de acceso, en función do nivel:

No caso da proba de acceso ao 1º curso das ensinanzas elementais (proba de aptitude musical sen necesidade de coñecementos previos), o prazo de inscrición estará aberto ata o 24 de xuño e a proba realizarase o 25 de xuño ás 12:00 horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse presencialmente na secretaría do centro ou a través da sede electrónica do Concello.

Para o 1º curso de grao profesional (pase de grao), o prazo de inscrición estará dispoñible ata o 17 de xuño. A proba terá lugar o 18 de xuño ás 16:00 horas e será necesario achegar o xustificante do pagamento das taxas.

Por último, a proba de acceso a outros cursos (elementais ou profesionais) tamén terá o prazo aberto ata o 17 de xuño, e a proba celebrarase o 19 de xuño ás 16:00 horas.

En canto á matrícula, o alumnado actual pode renovar a súa praza ata o 17 de xuño, mentres que o novo alumnado que supere as probas poderá matricularse entre o 17 e o 27 de xuño.

Para máis información ou consultas, o Conservatorio atende en horario de 10:00 a 14:00 horas na súa secretaría, no teléfono 982 403 893 ou a través do correo electrónico: conservatorio@concellodemonforte.com.

⚙ Configurar cookies
0.11467599868774