O Consello Regulador da DO Ribeira Sacra reuniuse en Monforte para analizar a situación actual do sector
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe nunha nova reunión da mesa de traballo do viño da Ribeira Sacra na que estiveron presentes o presidente do consello regulador desta denominación de orixe, Antonio Lombardía, e representantes da Asociación Agraria de Galicia e de Unións Agrarias, para poñer en común os puntos nos que se traballará en vindeiras semanas a prol do sector nesta zona.
No encontro, que tivo lugar na sede do Consello Regulador en Monforte de Lemos, avaliouse a situación actual da DO e analizáronse os puntos que son precisos abordar en materia de viticultura, control de produción, formación, comunicación e promoción. Sobre eles, acordouse un tratamento individual de cada un deles nas reunións periódicas que manterá esta mesa do viño da Ribeira Sacra para adoptar as primeiras decisións.
Ademais, nesta reunión tamén se analizaron as medidas xa adoptadas polo Goberno autonómico no pasado ano -destilación de crise, préstamos vendima, ecorrexímenes, poda en verde, axudas mantemento paisaxe-. De feito, cómpre salientar que os interesados en presentar unha solicitude das achegas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas con 2 millóns de euros, teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xaneiro para facelo.
Por outra banda, e en materia de promoción, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará presente a próxima semana na feira Madrid Fusión, na que os viños tintos, entre os que se atopan os da Ribeira Sacra, terán un papel importante a través da organización dunha cata de viños tintos galegos, que estará dirixida polo Master Of Wine, Fernando Zamora. A maiores, tanto o viños como outros produtos galegos de calidade diferenciada estarán presentes na cea de gala deste evento, que terá lugar o luns en Madrid.