O conselleiro de Medio Rural visitou o CFEA de Monforte e puxo en valor a colaboración con CRAEGA

RibeiraSacraXa
A Xunta apoia as necesidades e demandas do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e mantén a súa oferta de plena colaboración institucional para darlles resposta.
Medio Rural Xunta Monforte Craega visita
15 Mar 2024

A Xunta apoia as necesidades e demandas do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e mantén a súa oferta de plena colaboración institucional para darlles resposta. Así o sinalou o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, tras visitar o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Monforte de Lemos.

José González, quen tamén mantivo un encontro co presidente do Craega, Francisco López, indicou que a Xunta, dentro da fluída relación que ten con todos os consellos reguladores de Galicia, é plenamente consciente das necesidades operativas deste organismo para poder continuar co desenvolvemento do seu traballo. Ante estes problemas, lembrou, o goberno autonómico xa ofreceu en varias ocasións as instalacións do CFEA de Monforte, sempre co obxectivo de manter a sede deste órgano na vila.

Agora, entendendo que -tal e como vén solicitando o propio Craega- o Pazo de Tor pode ser unha “alternativa fantástica”, José González apelou á Deputación de Lugo para que poña a disposición do consello regulador estas instalacións. “Dende a máxima colaboración, cremos que o goberno provincial e o propio Concello de Monforte deben atender ás xustas demandas deste órgano e ceder o pazo para que se converta na súa sede institucional". As súas peticións son moi claras, lembrou, polo que “non é o momento de botar balóns fóra, senón de falar con feitos e respaldar o traballo que está desenvolvendo este organismo, e que conta co todo apoio do goberno autonómico para que manteña o seu centro de funcionamento nesta vila”.

Por parte da Xunta, e para “potenciar aínda máis este ambicioso proxecto do Craega”, o titular do Medio Rural en funcións volveu poñer a disposición as instalacións do CFEA da vila, e especialmente as súas fincas, como plataforma de transferencia de investigación ao sector, ademais dun soporte de formación continua moi específica para agricultura e gandaría ecolóxica.

Neste sentido, José González remarcou que, a través da cooperación institucional, “poderemos potenciar a presenza do Craega en Monforte, coa súa sede institucional no Pazo de Tor e o respaldo no CFEA”. Entre todas as partes implicadas, e coa máxima lealdade, “podemos acadar unha solución acaída para garantir o futuro do Craega nesta vila e seguir potenciando un sector estratéxico do noso rural”, remarcou.

Mellora nos CFEA de Medio Rural

O conselleiro, que estivo acompañado nesta visita polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e pola directora do CFEA de Monforte, María Estrella Rodríguez, destacou que a Xunta traballa actualmente na mellora das instalacións deste centro, así como dos outros cinco centros dependentes de Medio Rural. Trátase dos de Guísamo, Sergude (Boqueixón), Pedro Murias (Ribadeo), Becerreá e Lourizán (Pontevedra).

Así, José González puxo en valor o compromiso con estes centros de formación, que seguirán impulsándose despois de investir seis millóns de euros en materia de mellora das infraestruturas, renovación da maquinaria agroforestal e videoseguridade.

Neste sentido, o titular de Medio Rural en funcións indicou que tamén se acometeron rehabilitacións estruturais, co fin de reforzar a súa habitabilidade e seguridade, así como actuacións nas cubertas, instalacións eléctricas, adaptacións en materia de prevención de riscos, calefaccións ou accesos.

Este CFEA, que tivo a súa orixe na Escola de Capacitación Agraria de Monforte -cuxa actividade comezou no ano 1974-, cumpriu xa, polo tanto, medio século dende a súa creación. Trátase dun centro de referencia para impartir accións formativas na modalidade semipresencial dos distintos módulos do Curso de Aptitude Empresarial Agraria.

Ademais, participa activamente na formación continua para as persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria alimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación; especialmente mozos e mulleres do medio rural.

0.21049880981445