O conselleiro de Emprego da Xunta visitou a Praza de Abastos de Chantada
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a Praza de Abastos de Chantada co gallo de seguir avanzando no proceso de escoita activa aberto actualmente con todo o sector para elaborar o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
O conselleiro resaltou que para o Executivo galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio dan man de todos os axentes implicados, entre eles os praceiros e praceiras, co obxectivo de recoller as súas achegas para abordar o futuro con garantías, algo imprescindible para poder afianzar un tecido comercial sólido, renovado e adaptado aos novos tempos.
Nesta liña, José González remarcou o importante papel que xogan os mercados e prazas de abastos, mais dun cento en toda Galicia, como o mellor escaparate do produto galego de calidade, cun gran vencello á contorna na que se integran, así como polo seu rol dinamizador na vitalidade e vertebración do territorio.
Ademais, salientou que o comercio de proximidade é unha opción responsable, con baixa pegada de carbono, sustentable e respectuosa co medio, que posibilita o mantemento da cadea de valor dos produtores locais, incidindo así tamén na xeración de riqueza e emprego.