O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra entregou os premios da undécima edición

RibeiraSacraXa
“O Fogar dos Soños”, “Ensácrate” e “Viñalert”, foron os proxectos gañadores deste ano
premios-semente-ribeira-sacra-2025
10 Nov 2025

O Fogar dos Soños, Ensácrate e Viñalert foron os tres proxectos premiados na XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, que se celebrou este sábado. O certame, promovido pola Asociación Semente de Monforte, leva once anos apoiando o emprendemento na comarca, cun total de 32 premios entregados por valor de 194.000 euros grazas á colaboración de distintas entidades públicas e privadas.

Durante a xornada matinal, os dez proxectos finalistas presentaron as súas propostas ante o xurado, e pola noite celebrouse a gala de entrega de premios. A organización felicitou tanto aos gañadores como ao conxunto das iniciativas participantes pola calidade das ideas e o talento demostrado.

Nesta edición, por primeira vez, os dez finalistas poderán acceder a un plan de asesoramento técnico financiado polo AGADER, que se desenvolverá no primeiro semestre de 2026, como complemento á dotación económica dos premios.

O xurado decidiu outorgar o primeiro premio, dotado con 10.000 euros, a O Fogar dos Soños, unha queixería e xeadería artesanal de leite de cabra situada en Amandi. O proxecto aposta pola recuperación do medio rural e a creación dun espazo que combine a produción con visitas, degustacións e obradoiros.

O segundo premio, de 6.000 euros, foi para Ensácrate, unha iniciativa dedicada ao deseño e organización de viaxes de autor e experiencias personalizadas na Ribeira Sacra, cun enfoque sostible e de alta calidade que busca posicionar o territorio como destino de referencia no turismo experiencial.

O terceiro premio, de 4.000 euros, recaeu en Viñalert, un proxecto tecnolóxico que desenvolve un sistema de monitorización continua das vides, analizando en tempo real nutrientes, temperatura, humidade, pH e savia, co obxectivo de mellorar o control e a detección temperá de enfermidades.

No acto de entrega participaron representantes institucionais e empresariais, entre eles a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, ademais de deputados, representantes das universidades, concellos e entidades colaboradoras. A presidenta de Semente de Monforte, Pilar López, foi a encargada de conducir o evento.

⚙ Configurar cookies
0.051010131835938