O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra acolle 85 ideas

RibeiraSacraXa
A segunda cifra máis alta de participación no concurso desde a súa posta en marcha no 2014
Concurso-de-Proxectos-Empresariais-Semente-Ribeira-Sacra
6 Jun 2024

Do 1 de marzo ao 31 de maio, o Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, tiña aberto prazo para a inscrición de ideas. A esta décima edición do certame, que busca proxectos innovadores para desenvolver o medio rural e poñer en valor os seus recursos, inscribíronse 85 ideas.

A segunda cifra máis alta de participación no concurso desde a súa posta en marcha no 2014, despois de que tocara en Monforte a Lotaría do Neno. Para a VI edición, coincidindo coa pandemia da COVID presentáranse 87 ideas, ano de maior participación.

O Concurso incentiva iniciativas empresariais chegadas de calquera lugar do planeta, priorizando as vinculadas co medio rural e co territorio Ribeira Sacra en particular. Nesta ocasión 28 das ideas presentáronas persoas da Ribeira Sacra e, do resto, a maioría das ideas presentáronas persoas de Galicia, ademais de 2 persoas de León, 2 de Sevilla, 2 Madrid, 1 de Barcelona, 1 de Las Palmas e 1 do norte de Portugal.

Moitas das ideas presentadas teñen que ver co mundo do viño, do turismo, da agricultura e silvicultura, a cosmética, a cultura, a moda, a ecoloxía, a educación, novas tecnoloxías, promoción do emprego, servizos, vivenda, roteiros, deportes, gastronomía, aplicacións vinculadas coa saúde ou o medio rural…

O 22 de xullo publicarase o nome das dez ideas que o xurado considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso, haberá 3 de reserva ás que se recorrerá en caso de que algunha das ideas finalistas se retire antes do 31 de agosto. As ideas seleccionadas presentarán entre o 1 de agosto e o 30 de setembro do 2024, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto, na xornada de mañá do día 26 de outubro, no Parador de Turismo de Monforte. Pola noite durante a cea de clausura, tamén no Parador, celebrarase a entrega de premios desta décima edición.

0.17071485519409