Bóveda traslada o concurso de Entroido á rede

RibeiraSacraXa
Gañarán as fotografías, enviadas ata o 21 de febreiro, que sumen máis 'gústame' na páxina de facebook do Concello
8 Feb 2021

O tradicional concurso de Entroido de Bóveda trasládase este ano ás redes sociais por mor das medidas e restricións adoptadas para frear a propagación da covid-19. Así, a páxina de facebook do Concello acollerá nesta ocasión o certame, no que se pode participar de xeito individual, por parellas ou en grupo.

Os participantes deberán enviar unha fotografía, feita na casa, con persoas disfrazadas e unha posta en escea. A imaxe debe ter un título ou unha temática por escrito, así como a identificación e datos de contacto do concursante. Os menores precisan un escrito de autorización para participar.

As categorías establecidas para o concurso son individual infantil, individual adulto, parella infantil, parella adulto, parella mixto, grupo infantil, grupo adulto e grupo mixto. A categoría infantil comprende ata os 14 anos mentras que nos niveis mixtos poden participar tanto adultos como nenos.

As fotografías poden remitirse á conta de correo cultura@concellodeboveda.com ata o vindeiro 21 de febreiro. Os gañadores serán aqueles que acaden máis 'gústame' nas súas instantáneas en cada unha das categorías. En cada división farase entrega dun premio local e outro para participantes doutros municipios.

Os premios consistirán en vales cun importe económico para gastar en establecementos de Bóveda.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1882381439209