O Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns de Chantada acolleu 22 participantes

RibeiraSacraXa
O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, amósase satisfeito coa resposta da veciñanza para esta primeira edición do Concurso
Balcón-decorado-en-Chantada-foto-de-Segundo-Navaza
16 Ago 2024

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Parques e Xardíns, convocaba este ano, por primeira vez, o Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns, cuxas bases publicábanse no BOP o pasado 24 de maio.

De conformidade con ditas bases, o Concello de Chantada vén de aprobar a listaxe definitiva de aspirantes admitidos que foron un total de 22, dos que 15 son decoracións de balcóns e fachadas da capitalidade municipal e o resto corresponden ao rural.

O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, amósase satisfeito coa resposta da veciñanza para esta primeira edición do Concurso: “Estamos satisfeitos coa participación que houbo nesta primeira convocatoria. Ademais das decoracións participantes, hai balcóns e fachadas moi ben decoradas que non participaron, quizais porque non se inscribiron en prazo. En todo caso, cumpriuse o principal obxectivo deste Concurso, que é poñer en valor os beneficios estético-ambientais das fachadas e balcóns como elementos vivos da vila e incentivar a participación cidadá na mellora da calidade ambiental e na ornamentación dos espazos”.

Na primeira semana de xullo fotografáronse todas as localizacións participantes para que o xurado fixera unha prevaloración. A maiores, a finais do pasado mes tamén recibiron a visita do xurado, que nesta primeira edición está formado por Amancio Lavandeira, enxeñeiro técnico agrícola; María Isabel Iglesias Díaz, doutora en Ciencias Biolóxicas; Carlos Cárcamo Álvarez, enxeñeiro técnico agrícola municipal do Concello de Ourense; Manuel Rodilla del Barrio, arquitecto técnico.

O xurado valorará os seguientes criterios: orixinalidade e creatividade da composición, laboriosidade, uso de materiais reutilizados e ornamentación non floral, naturalidade, colorido, perdurabilidade, e calidade ornamental (harmonía e deseño).

O 14 de setembro, o Tribunal Cualificador dará a coñecer que decoracións consideran as mellores. Para este concurso de mellora ornamental da vila de Chantada repártense 1.050 euros en premios, distribuídos no 1º premio, con 350 euros; o 2º premio, con 250 euros; o 3º premio, con 200 euros; o 4º premio, con 150 euros; e o 5º premio, con 100 euros.

0.15527105331421