O Concello Monforte condena de forma unánime a violencia machista

RibeiraSacraXa
Esta mañá tivo lugar o acto central polo 25N cunha concentración na Praza do Concello, onde se deu lectura dos nomes das mulleres que foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano
acto-25-n-monforte
25 Nov 2025

O Concello de Monforte de Lemos sumouse á conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun acto simbólico e unha concentración na Praza do Concello. Durante o evento foron nomeadas as 38 mulleres asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, así como os tres menores vítimas mortais tamén desta lacra. Esta acción forma parte da campaña de sensibilización “Monforte en negro contra as violencias”, organizada pola Concellería de Muller e Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM).

O acto comezou ás 12.00 horas coa lectura do manifesto por parte da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, acompañada por varios membros do Equipo de Goberno, entre eles Gloria Prada, José Luis Losada, Marina Doutón, Regina López e Guillermo Díaz, ademais de outros integrantes da Corporación Municipal, alumnado e persoal docente dos centros educativos locais e persoal do Concello.

Na súa intervención, Margarita López destacou o “rexeitamento e condena unánime” á violencia machista: “Dende o Concello de Monforte somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade”. Tamén lembrou as 38 mulleres asasinadas en España, dúas delas en Galicia, e os 3 menores vítimas mortais este ano, sumando 65 desde 2003.

“Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela”, di o manifesto, que ademáis recoñece “o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista”. A concelleira animou a “actuar con unidade e rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a que os ampara”.

O acto continuou coa performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo, na que un grupo de mulleres monfortinas foron as encargadas de nomear unha a unha ás vítimas mortais, representadas con flores semprevivas violetas entregadas por escolares. As participantes ocuparon as escaleiras da Casa do Concello para dar visibilidade a todas as vítimas da violencia machista.

Esta actividade buscou homenaxear ás vítimas e apoiar a todas as mulleres que están a sufrir violencia, así como enviar unha mensaxe clara de rexeitamento aos agresores e concienciar á sociedade sobre a necesidade de erradicar esta lacra, “sumando esforzos para un futuro en igualdade e libre de violencias”. Ao remate, repartíronse materiais de sensibilización coa lema da campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.

A campaña iniciouse o 10 de novembro con obradoiros nos centros educativos do municipio e prolongarase ata o 4 de decembro, cando se representará unha obra de teatro no Edificio Multiusos. O programa inclúe tamén a difusión de materiais informativos, pancartas conmemorativas na Casa do Concello e no Centro Cívico, e a colocación dun vinilo no bus urbano para promover a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e convocar á concentración do 25 de novembro.

⚙ Configurar cookies
0.052191019058228