O Concello Monforte adxudica as obras de mellora do Punto Limpo e a renovación dos contedores

O Concello de Monforte de Lemos adxudica á empresa FCC Medio Ambiente S.A.U. as obras de mellora do Punto Limpo Municipal e a renovación dos contedores, por un importe total de 41.059,23 euros e cun prazo de execución dun mes.
O Punto Limpo foi construído no ano 2000 e, desde entón, non se levaron a cabo actuacións de actualización, polo que varios elementos da instalación precisan dunha renovación. Ademais, prevese ampliar os tipos de residuos admitidos, co fin de adaptarse ás necesidades actuais en materia de xestión de refugallos.
Entre as actuacións previstas inclúense a mellora e motorización das portas de acceso, o pintado das instalacións, a implantación dun sistema de control de acceso para usuarios e a instalación dunha barreira automática tipo “parking” diante da caseta de control.
Así mesmo, procederase á substitución dos contedores destinados a residuos voluminosos de madeira e chatarra, debido ao mal estado que presentan. Os novos deberán ser compatibles con camións de gancho tipo ampiroll e contar cunha capacidade mínima de 30 metros cúbicos.
Esta actuación enmárcase na liña de axudas a entidades locais de Galicia para actuacións en materia de residuos, cofinanciadas polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU.