O Concello do Saviñao inicia un plan de aglomerado nas estradas
O Concello do Saviñao inicia un plan de aglomerado das estradas municipais que se estenderá por un total de 12 vías das distintas parroquias do termo municipal. As actuacións, ademais do aglomerado en quente, inclúe o desbroce e a limpeza de cunetas.
O alcalde, Carlos Armesto, supervisou o desenvolvemento das dúas primeiras actuacións que contempla este plan municipal: a estrada que une A Reguenga coa Senra, na parroquia de Mourelos, e que comunica distintos núcleos do municipio; e os accesos a Vilar, na parroquia de Marrube.
Posteriormente, as obras estenderanse a outras parroquias do municipio contribuíndo á mellora das vías de comunicación de titularidade municipal e, polo tanto, tamén á mellora da seguridade viaria en beneficio dos veciños e usuarios.
Armesto explica que “o resultado das actuacións é bo” e lembra que estas intervencións se engaden a outras obras postas en marcha recentemente polo goberno local co obxectivo de “dotar de máis e mellores servizos aos nosos veciños”. É o caso da traída de auga da parroquia de Diomondi que se prevé rematar no verán ou a mellora do parque infantil da rúa Xan de Forcados, en Escairón.