O Concello do Courel aproba medidas para axudar ós hostaleiros afectados polos incendios
No derradeiro Pleno ordinario que tivo lugar en Folgoso do Courel aprobouse por unanimidade unha proposta da alcaldía para a modificación do orzamento en vigor baixo a modalidade de crédito extraordinario, para axudar ó sector da hostalería afectado polos incendios deste verán.
Os incendios forestais iniciados o 14 de xullo de 2022 afectaron gravemente á actividade turística do municipio, que sufriu considerables consecuencias desde a produción dos lumes ata a actualidade, padecendo os hostaleiros da contorna importantes prexuízos económicos desde entón.
Os incendios provocaron entre outros prexuízos, danos materiais ocasionados nas propios instalacións e infraestruturas hostaleiras, o peche da actividade ata a estabilización da situación incendiaria, así como o inevitable detrimento sufrido polo municipio en xeral no que respecta á actividade turística, o que se evidenciou principalmente na cancelación de reservas durante toda a época estival.
O Concello de Folgoso do Courel, amosa así a súa intención de contribuír economicamente a paliar as consecuencias económicas negativas producidas como consecuencia dos incendios forestais de xullo aos hostaleiros do municipio. O anexo de subvencións que acompaña ó orzamento vixente non fai referencia a estas axudas nin existe dotación para afrontar ditos gastos, polo que foi preciso realizar unha modificación orzamentaria de crédito extraordinario de cara a ter crédito adecuado e suficiente para a execución dos gastos, para posteriormente proceder a modificar o anexo de subvencións que acompaña ao orzamento municipal do ano 2022.
O crédito será financiado con cargo ó remanente líquido de tesoureira para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio anterior e ascenderá a 15.000 euros.
Unha vez remate o período de reclamacións o Concello de Folgos do Courel elaborará as bases que van rexer estas axudas para que o sector poida solicitalas.