O Concello destina 12.000 euros en axudas para os clubs deportivos monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa e mundiais

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que os clubs deportivos monfortinos poden solicitar xa as axudas pola participación en campionatos de España, de Europa e mundiais propios da súa modalidade deportiva.
Goberno local concello de monforte
23 Mar 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que os clubs deportivos monfortinos poden solicitar xa as axudas pola participación en campionatos de España, de Europa e mundiais propios da súa modalidade deportiva.

Esta liña de axudas, que fora posta en marcha polo executivo de José Tomé en 2022, está dotada con 12.000 euros, “contribuíndo a que os clubs monfortinos poidan acudir ás distintas competicións nacionais e internacionais, así como aqueles clubs que xa participaron nalgunha destas competicións entre o 14 de outubro de 2023 e o 13 de outubro de 2024”.

“Somos conscientes do bo momento que vive o deporte monfortino, onde son varios os clubs que se clasifican para participar en campionatos de España, de Europa e mesmo do mundo, e conscientes tamén do esforzo económico que isto supón para os clubs implicados, dende o Equipo de Goberno mantemos dende 2022 esta liña de axudas dirixidas a sufragar gastos pola participación de clubs de Monforte nestes campionatos nacionais e internacionais”, subliñou o alcalde

Trátase dunha liña de axudas que se concederá polo procedemento de concorrencia non competitiva ós clubs que cumpran co requisito de ter participado no Campionato de España, de Europa ou do mundo no ano 2022, sen necesidade de que as solicitudes se comparen entre elas, no período comprendido entre o 14 de outubro de 2023 e o 13 de outubro de 2024.

Deste xeito, este procedemento permite que ós clubs se lles conceda unha cantidade fixa en función dos campionatos nos que participe, e que o procedemento estea aberto durante case todo o ano.

“Esta convocatoria”, explica o alcalde, “ten por finalidade o fomento e a promoción do deporte monfortino no seu ámbito deportivo e competitivo e para elo destinamos un crédito de 12.000 euros”.

As bases desta liña de axudas foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo polo que o prazo de presentación de solicitudes está aberto e finalizará o 13 de outubro de 2024.

CONTÍAS ESTABLECIDAS

As contías establecidas son as seguintes:

-Modalidades deportivas de equipo (fútbol, voleibol, baloncesto, etc.):

  • Participación nun campionato de España: 1.000 euros.
  • Participación nun campionato de Europa organizado en España: 1.000 euros.
  • Participación nun campionato de Europa organizado fora de España: 1.500 euros.
  • Participación nun campionato do mundo organizado en España: 1.000 euros.
  • Participación nun campionato do mundo organizado fora de España : 2.000 euros.

-Modalidades deportivas individuais (natación, piragüismo, etc.):

  • Participación nun campionato de España: 200 euros por deportista ata un máximo de 1.000 euros.
  • Participación nun campionato de Europa organizado en España: 200 euros por deportista ata un máximo de 1.000 euros.
  • Participación nun campionato de Europa organizado fora de España: 300 euros por deportista ata un máximo de 1.500 euros.
  • Participación nun campionato do mundo organizado en España: 200 euros por deportista ata un máximo de 1.000 euros.
  • Participación nun campionato do mundo organizado fora de España : 400 euros por deportista ata un máximo de 2.000 euros.

Os interesados poderán presentar ata tres solicitudes de subvención, sempre e cando sexan pola participación en campionatos de diferente ámbito xeográfico ou territorial (España, Europa, mundial). No caso de que un club participe en varios campionatos do mesmo ámbito xeográfico ou territorial, poderá presentar unha única solicitude.

O alcalde conclúe destacando a importancia destas novas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, nacional e internacional”.

0.19350695610046