O Concello de Taboada proxecta unha senda peonil entre a vila e a área recreativa da Medela

O Concello de Taboada creará unha senda peonil que conectará a vila coa área recreativa da Medela, unha demanda histórica da veciñanza que utiliza esta ruta para acceder ás instalacións deportivas municipais.
Segundo explicou o concelleiro de Cultura e Deportes, Manuel Diéguez, o proxecto contempla o acondicionamento dunha ruta de 1,5 quilómetros que discorrerá paralela á estrada, “creando unha zona de paseo seguro, especialmente para a cativada e as persoas maiores que agora teñen que facer ese traxecto polo arcén”. Esta senda estará destinada tanto a peóns como a bicicletas, e contará con pavimento específico e bancos distribuídos ao longo do percorrido.
Diéguez destacou que “a creación dunha senda peonil entre a vila e A Medela é unha vella demanda da veciñanza, que leva preto de 20 anos esperando que se concrete. Con este proxecto atendemos polo tanto unha vella aspiración dos veciños e veciñas, coa que nos comprometemos coa nosa chegada ao goberno”.
A nova infraestrutura complementará as melloras que se están a realizar nas instalacións deportivas da Medela, incluíndo a construción dun graderío cuberto, a instalación dunha cuberta na pista de pádel e reparacións nas tubaxes e no vaso da piscina municipal.
O financiamento deste proxecto correrá a cargo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que destinará 318.000 euros para a súa execución. O convenio de colaboración entre ambas as institucións foi aprobado recentemente na Xunta de Goberno provincial.