O Concello de Taboada continúa coas melloras na rede viaria municipal

O Concello de Taboada avanza nas obras de mellora e acondicionamento da rede viaria en distintas parroquias do municipio, ao abeiro dun acordo de colaboración coa Deputación de Lugo. Este convenio, asinado o pasado mes de novembro polo alcalde, Roi Rigueira, e o presidente da Deputación, José Tomé, conta cun investimento de 105.000 euros e inclúe tamén a conversión da antiga Casa Escola de Meixonfrío nun local social.
Nas últimas semanas executáronse actuacións en accesos a vivendas e camiños das parroquias de Moreda, Bouzoa, Castelo, Meixonfrío, Xián e Vilela. Concretamente, mellorouse o acceso a varios núcleos de poboación e arranxáronse tramos que conectan diferentes lugares do municipio, co obxectivo de facilitar a mobilidade e mellorar as condicións das vías municipais.
Dende o Concello explican que están pendentes de realizar as obras de mellora na pista que une os lugares de Friamonde e Couso, na parroquia de Insua San Xián, así como a adaptación da antiga Casa Escola de Meixonfrío como novo local social. Estas actuacións están previstas para as vindeiras datas.