O Concello de Taboada contará con novos servizos de Correos a partir do 1 de xullo
O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, informa de que a partir do vindeiro luns día 1 de xullo, a oficina de Correos do Concello de Taboada comezará a operar de xeito informatizado e cun horario de atención ao público de 10.30 a 14.00 horas. "Ámbalas dúas cousas repercutirán positivamente nunha mellor prestación de servizos para o noso tecido empresarial e tamén, por suposto, para a nosa veciñanza", destaca o rexedor.
Ademais de todas as cousas que xa se podían facer en Correos en Taboada ata o de agora, a partir do 1 de xullo poderanse realizar tamén admisión de todo tipo de paquetería e envíos postais, rexistro dixitalizado en envíos ás distintas administracións, cobro de recibos, servizos DXT (pago de sancións, venda de distintivos ZBE, venda de balizas xeolocalizables, duplicados de permiso de circulación, informe do vehículo...), retirada ou ingreso de efectivo en entidades bancarias, envío de diñeiro a outros países a través de WU, venda de billetes RENFE e de lotería da ONCE e de Cruz Roja e entrega de envíos de paquetería.
"Animo desde aquí ás nosas empresas e aos nosos veciños e veciñas a que utilicen e se aproveiten desta mellora de servizos que acadamos tras unha longa xestión, xa que a xente que queremos vivir no rural precisamos servizos de calidade, e coa consecución deste obxectivo damos un paso moi importante", concluíu o rexedor.