O Concello de Sober repartirá 50 composteiros domésticos
O Concello de Sober repartirá nos vindeiros días un lote de 50 composteiros domésticos individuais aos veciños e veciñas que así o soliciten, de xeito gratuíto.
Trátase de colectores duns 300 litros de capacidade, que poden instalarse no exterior das vivendas ou nas eiras anexas. Os composteiros irán acompañados dun pequeno manual de instrucións, no que se explica como realizar de xeito correcto o proceso da compostaxe.
Sober foi un dos primeiros municipios en adherirse ao programa autonómico de compostaxe doméstica. Desde o goberno local salientan a importancia desta iniciativa, como "parte da solución para contribuír á redución da pegada medioambiental, para mellorar a nosa contorna e reducir a factura do lixo. Son residuos que non van producir contaminación e que se van aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda".
As persoas interesadas en facerse cun destes colectores domésticos poden solicitalo no Concello de Sober en horario de oficina. O reparto farase ao longo da vindeira semana. O proceso da compostaxe é limpo, non produce cheiros e non require mantemento.