O Concello de Sober pon a disposición dos refuxiados de Ucraína o albergue municipal

RibeiraSacraXa
El Ayuntamiento de Sober pone la disposición de los refugiados de Ucrania el albergue municipal con 14 plazas
SOber albergue2
15 Mar 2022

O Concello de Sober pon a disposición dos refuxiados de Ucraína o albergue municipal con 14 prazas e está instalando mobiliario de cociña en catro vivendas municipais que tamén cederá a aquelas persoas que as poidan precisar.

A maiores, o Goberno local está a recoller datos para crear un censo de inmobles, tanto ocupados como desocupados, para poder axudar e amosar a solidariedade co pobo ucraíno.

Dada a situación actual no panorama internacional e, seguindo as recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a FEGAMP, dende o Concello de Sober queren así amosar a súa solidariedade, atención e afecto por Ucraína e polos seus veciños e veciñas.

O Concello de Sober decidiu en canto se coñeceu a dramática situación de Ucraína activar unha rede de cooperación e acollida para que, chegado o momento, poida entrar en funcionamento. 

O paso previo a dita actuación é recadar información para coñecer a dispoñibilidade de espazos onde se poidan acoller cando cheguen ao noso país. 

Aquelas persoas que desexen participar no acollemento deberán poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Sober nas oficinas municipais ou por vía telefónica a través do seguinte número de teléfono 982 460 513.

O acollemento pode darse por dúas vías ou en vivendas desocupadas que desexen poñer a disposición das persoas refuxiadas ou en vivendas habitadas que desexen compartir coas persoas refuxiadas.

Unha vez se teñan os datos faranse chegar ás autoridades correspondentes para poder canalizar a axuda. 

Desde a FEGAMP facilitan ademais un número de información gratuíto sobre a acollida a cidadáns ucraínos +34 91 047 4444. Os Servizos Sociais do Concello de Sober están tamén a disposición dos veciños e veciñas para resolver as dúbidas que poidan xurdirlles en relación coa axuda que se pode prestar.

0.17604613304138