O Concello de Sober convoca tres bolsas culturais para asistir ao taller de fotografía de David Jiménez

RibeiraSacraXa
As axudas, dirixidas a mozos de ata 40 anos, permiten participar gratuitamente no taller que se celebrará do 27 de xullo ao 1 de agosto na Casa Grande de Rosende
taller-fotografia-sober
3 Jul 2025

O Concello de Sober convoca tres Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para o verán 2025 co obxectivo de impulsar o crecemento cultural a nivel internacional, fomentar o estudo e facilitar o desenvolvemento persoal de tres persoas, que poderán asistir de maneira gratuíta ao Taller de Verán que La Plantación organiza na disciplina de fotografía do 27 de xullo ao 1 de agosto co recoñecido fotógrafo David Jiménez.

As bolsas ‘Pintor Castinandi’ son formacións culturais internacionais, destinadas a persoas de ata 40 anos, promovidas e patrocinadas polo Concello de Sober, e organizadas polo proxecto cultural La Plantación. Encontros y Conocimiento, a través de Talleres de Verán. Nesta ocasión cada bolsa ten un valor de 865 euros.

La Plantación. Encuentros y Conocimiento é un proxecto cultural feito desde Galicia, onde se cultivan e comparten experiencias ao redor de distintas artes. O método de traballo consiste en propoñer encontros abertos entre un autor e calquera persoa que estea interesada (profesional e non profesional) co obxectivo de reflexionar sobre proxectos e intereses creativos.

Mediante esta convocatoria, o Concello de Sober busca a tres persoas con inquietudes artísticas e culturais e coa necesidade de seguir formándose que posúa un destes perfís.

Poderán participar estudantes en activo matriculados actualmente nuns estudos próximos á fotografía, titulados en estudos relacionados coa fotografía ou aquelas persoas relacionadas co mundo da arte. A idade máxima para participar serán os 40 anos.

As persoas interesadas han de presentar unha carta de motivación, onde indicarán porqué quere facer o taller, como cren que poderán aproveitalo nun futuro, etc. Tamén han de enviar unha mostra do seu traballo fotográfico persoal.

As solicitudes presentadas serán avaliadas por un comité e as ideas rexistradas permanecerán en todo momento baixo a propiedade intelectual das persoas participantes.

⚙ Configurar cookies
0.1556191444397