O Concello de Sober convoca dúas Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’
O Concello de Sober convoca dúas Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para o verán 2024 co obxectivo de impulsar o crecemento cultural a nivel internacional, fomentar o estudo e facilitar o desenvolvemento persoal de dúas persoas, que poderán asistir de maneira gratuíta ao Taller de Verán que ‘La Plantación’ organiza na disciplina de fotografía.
O taller de fotografía celebrarase do 30 de xuño ao 5 de xullo co recoñecido fotógrafo Javier Vallhonrat.
A actividade formativa foi presentada polo alcalde, Luis Fernández Guitián; a responsable de La Plantación, Elisa Pereira, e o persoal da Casa Grande de Rosende onde se vai levar a cabo o taller.
As bolsas ‘Pintor de Castinandi’ son formacións culturais internacionais destinadas a persoas de ata 40 anos promovidas e patrocinadas polo Concello de Sober, e organizadas polo proxecto cultural ‘La Plantación’, que dirixe Elisa Pereira.
É o cuarto ano no que o Concello de Sober colabora con este proxecto no que ao longo dos seus dez anos de vida teñen participado máis de 2.000 persoas de toda España e outros países.
En total, o Goberno local leva financiado sete becas, coas deste ano, de persoas chegadas desde lugares tan diversos como Galicia, A Rioxa ou Porto Rico. Nesta ocasión cada bolsa ten un valor de 825 euros.