O Concello de Sober apoiará á Asociación Deportiva 3CUMIOS no proxecto Huascarán 2025

O Concello de Sober vén de asinar un acordo de colaboración coa Asociación Deportiva 3CUMIOS dentro do marco do Proxecto Huascarán 2025, unha ambiciosa iniciativa que levará o nome da Ribeira Sacra máis alá das súas fronteiras. O obxectivo: ascender o Huascarán, a montaña tropical máis alta do planeta, situada na Cordilleira Branca do Perú, e poñer así en valor o patrimonio natural e cultural de Galicia nun escenario internacional.
Esta alianza entre o Concello e 3CUMIOS supón un paso importante para facer realidade esta aventura. A expedición, que se desenvolverá durante o mes de xullo de 2025, será a primeira etapa do Proxecto 3 Cumes, co que os seus integrantes pretenden ascender tres montañas emblemáticas en tres continentes diferentes ao longo dos vindeiros tres anos.
O equipo, formado por Manuel Vieitez (natural de Sober), Tomás Porto (Pantón) e José Manuel Prieto (Monforte), conta tamén co apoio do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Segundo afirma Vieitez, "o Concello de Sober foi a primeira institución en crer neste soño e en apoiarnos desde o inicio. Grazas por acompañarnos nesta aventura que levará o nome da nosa terra ata o máis alto".
O Huascarán, situado na Cordilleira Branca do Perú, é a montaña tropical máis alta do planeta e un dos picos máis desafiantes do mundo. A súa ascensión require unha preparación física e mental excepcional, así como unha loxística impecable. O equipo de 3CUMIOS planea completar a expedición en aproximadamente 20 días, establecendo varios campamentos de altura para adaptarse ás condicións extremas, que inclúen un 43 % de osíxeno, temperaturas de ata -25 °C, fendas ocultas no glaciar e pasos técnicos de escalada en xeo ao longo da ruta.
Compromiso coas comunidades locais e coa Ribeira Sacra
A expedición non só busca acadar a cima, senón tamén deixar unha pegada positiva nas comunidades que custodian estas montañas sagradas e, ao mesmo tempo, proxectar a Ri-beira Sacra no ámbito internacional. Por iso, 3CUMIOS decidiu destinar o 10 % das achegas recadadas a colaborar coas comunidades locais, proporcionando material deportivo que promova o acceso ao deporte como ferramenta de crecemento e superación.
"Queremos que esta expedición sexa unha ponte entre culturas, un exemplo de superación e unha oportunidade para inspirar a outros a soñar en grande", afirma o equipo. "Pero tamén é unha forma de levar o nome da Ribeira Sacra ao máis alto, amosando ao mundo a riqueza natural e cultural da nosa terra".
3CUMIOS é un equipo de alpinistas cunha ampla traxectoria nalgunhas das montañas máis emblemáticas do mundo, como os Alpes, os Pireneos, a Patagonia e as remotas cimas de Mauritania. Unidos por unha paixón irrenunciable polo alpinismo, José Manuel Prieto, Tomás Porto e Manuel Vieitez buscan superar os seus límites persoais mentres promoven valores universais como a perseveranza, o traballo en equipo e o respecto pola natureza.