O Concello de Ribas de Sil organiza as Festas de San Clodio 2023
Os vindeiros 30 e 31 de outubro terán lugar as festas de San Clodio de Ribas de Sil deste ano 2023, un encontro entre veciños e veciñas do municipio e persoas ligadas á vila que volven só para desfrutar da compañía dos seus familiares e amigos.
Así, o Concello organiza varias actividades, que comezarán o día 30 ás 12.00 horas coa misa na honra a San Clodio e logo terá lugar un xantar popular na praza maior, onde haberá empanada, polbo e bica.
Pola tarde, abriranse as portas do CIMAR e haberá unha ruta guiada ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana. Xa ás 20.00 horas terá lugar o gran magosto popular na praza do Concello e a festa estará amenizada polo Dúo Estrelas.
Con respecto ao día 31, terá lugar a XXIII Festa da Terceira Idade, comezando ás 13.15 horas coa misa na honra dos maiores e ás 14.00 horas terá lugar a comida na praza do Concello. Xa á tarde, abriranse as portas do CIRS e haberá unha visita guiada ao Centro de Interpretación do Río Sil. O día rematará cunha gran chourizada ás 20.00 horas na praza do Concello e cunha festa amenizada pola Orquestra Panamá Band.