O concello de Ribas de Sil destina 11.000 euros á compra dun cortacéspede
Ribas de Sil está a levar a cabo varios proxectos para ampliar o seu equipamento e así poder satisfacer as necesidades de tódolos seus veciños e veciñas.
A finais deste verán, o concello realizaba un investimento duns 11.000 euros para adquirir un cortacéspede de moita máis potencia e capacidade que a que xa tiñan e que lles permita facer un mellor mantemento das zonas verdes do municipio, especialmente da Praia Fluvial de San Clodio.
Esta adquisición financiouse con fondos propios provintes dos remanentes acumulados de anos anteriores.
Por outro lado, o concello vén de adquirir tamén unha hidrolimpiadora con accesorios especialmente deseñados para unha boa limpeza das beirarrúas, con auga a presión. En total se investiron 2.500 euros con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo que tan bo está a ser para tódolos concellos da provincia.
Na actualidade, o concello de Ribas de Sil, non só avoga polo perfecto estado e mantemento das súas zonas verdes e axardinadas ou pola limpeza das súas beirarrúas, os veciños están a desfrutar tamén da reposición de luminarias en moitas das súas aldeas así coma de 7.000 metros de cable novo, multitude de postes de alumeado e cambios nos cadros eléctricos. É por exemplo o caso de Barreiro, Moreiras, San Lorenzo, A Ventosa, Torbeo, A Nogueira e Castro de Abaixo.