O Concello de Quiroga segue a traballar no cemiterio e na nova rúa
Seguen os traballos de construción da nova rúa que unirá as rúas Tallos e Rego da Silva, ademais do cuartel da Garda Civil de Quiroga. Esta rúa terá un total de 200 metros d elongo e 16 metros de ancho con todos os servizos urbanos. Contemplada no Plan Xeral de Ordenación Municipal, que dará servizo ao futuro Cemiterio Municipal, no que tamén se está a traballar.
Tras unha xuntanza telemática entre o alcalde, Julio Álvarez, e a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que o Concello de Quiroga lle presentaba este proxecto, será esta consellería a que financie con 100.000 € a construción da nova rúa.
Esta semana comezouse coa retirada dos postes de servizo eléctrico e telefonía polas empresas correspondentes, algo que agardaba a empresa adxudicataria das obras para poder traballar na totalidade do terreo.
Paralelamente tamén se continúa traballando na construción do novo cemiterio. Tralo acondicionamento dos terreos, estase a traballar cos desterres para a súa construción. Nunha superficie de 3.370 m2 dotarase a Quiroga dun novo lugar de enterramento e ademais, mediante dúas ramplas, unha delas apta para vehículos funerarios, conseguir mellor accesibilidades ao cemiterio existente. Aínda que o novo cemiterio estará unido ao actual, o anterior seguirá sendo de carácter eclesiástico e o novo será municipal.
O novo campo santo contará con 1.138 unidades de enterramento (entre panteóns e nichos) e 120 unidades de columbarios para acoller cinzas. Dentro do recinto crearase unha rúa principal en diagonal da que sairán varias rúas que facilitarán o acceso tanto ás zonas de nichos, panteóns e local de culto aconfesional, como aos demais servizos. Todo o cemiterio estará pechado cun muro de formigón visto.