O Concello de Quiroga inviste preto de 600.000 euros en conservar o patrimonio e fomentar o turismo

RibeiraSacraXa
O Concello de Quiroga inviste preto de 600.000 euros en conservar o patrimonio e fomentar o turismo da zona
concello quiroga
12 Dec 2022

Nestes últimos catro anos o Concello de Quiroga vén de investir preto de 600.000 euros en conservar o Patrimonio Cultural e Natural e en fomentar o turismo, sempre apostando pola riqueza do municipio e por conservar o seu patrimonio.

Tamén se persegue a mellora xeral do municipio integrado no Xeoparque Montañas do Courel, cunha gran parte do territorio na Rede Natura 2000, acollendo un longo tramo do Camiño de Inverno e formando parte da reserva da biosfera Ribeira Sacra e serra do Oribio – Courel. Tendo dous recoñecementos que concedeu a Unesco – Xeoparque e Reserva da Biosfera – e aspirando tamén a ter un terceiro, o de ser Patrimonio da Humanidade formando parte da Ribeira Sacra. Motivos todos eles para seguir investindo neste campo.

Durante os últimos catro anos as maiores inversións foron nos anos da pandemia, superando os 151.000 euros no 2019 (151.186), con máis de 170.000 no 2020 (170.490) e superando os 190.000 euros no 2021 (194.742). Neste 2022, o investimento baixou ata os 79.502 euros.

Neste período, as maiores inversións destináronse ás ampliacións realizadas no Museo Xeolóxico de Quiroga, que incluíndo o acondicionamento do soportal da entrada superou os 280.000 euros. Séguelle en cantidade de inversión a mellora da vía principal dos Novais, dentro do Camiño de Inverno (78.612 euros), o acondicionamento da área para autocaravanas (48.382 euros), a mellora da pista do despegue de parapente e o miradoiro de Vilañán (36.300 euros) e a sinalización do Xeoparque Montañas do Courel (24.587 euros).

A mellora dos recursos da Rede Natura 2000, o mantemento da rede de miradoiros, o acondicionamento de accesos a fervenzas e creación da ruta das fervenzas, a posta en valor do Castro de Penadominga ou o mantemento do mobiliario interpretativo dos diferentes recursos turísticos, foron outras das intervencións financiadas.

Pero durante este 2022 hai ademais varios proxectos importantes a nivel turístico nos que se está traballando como a creación do Museo ao aire libre: Quiroga e os seus escritores, as novas páxinas webs dos museos que permitirán a interpretación destes recursos a través de códigos QR, a recuperación da Ponte do Castelo -dentro do Camiño de Inverno- e a recuperación da zona da Lagoa da Lucenza, danada polos incendios deste verán. Todos eles encamiñados a recuperar, conservar e ampliar a oferta turística para todos aqueles visitantes do noso municipio.

Por actuacións de promoción  turística como estas foi polas que o Concello de Quiroga foi o primeiro de toda a zona sur da provincia en obter a bandeira verde que dende hai anos ondea no balcón da Casa Consistorial.

0.20514392852783