O Concello de Quiroga inicia as actividades de outono para mulleres

RibeiraSacraXa
O programa busca promover a integración, o benestar e a participación activa das mulleres no municipio e continuará ao longo dos vindeiros meses
manualidades-mullere-quiroga
7 Oct 2025

O Concello de Quiroga deu comezo este luns ás primeiras actividades organizadas pola área da Muller para este último trimestre do ano. A programación busca promover a integración, o benestar e a participación activa das mulleres no municipio.

A primeira actividade, baixo o nome “Integradas”, céntrase na convivencia entre mulleres inmigrantes e mulleres locais. Durante un café compartido, as participantes teñen a oportunidade de coñecerse e aprender unhas das outras. Esta iniciativa repetirase o luns 3 de novembro e o luns 15 de decembro. Ademais, este luns arrancou tamén a actividade de manualidades, que se desenvolverá todos os luns durante este trimestre.

Outro dos obradoiros previstos é “Entre nós”, que se celebrará os venres 17 de outubro, 14 de novembro e 12 de decembro, no que traballarase en manualidades de outono, técnicas de lettering e preparación de decoración de Nadal, a partir das cinco da tarde.

Entre outras actividades destacadas, o 11 de outubro terá lugar unha excursión ao Museo de Música de Raíz da Seara, dentro do proxecto “Mulleres Raíz”, dirixido exclusivamente a mulleres. En novembro, o 26, regresará o Círculo de Benestar con Paula Santos, centrado nesta ocasión tamén na independencia económica coa charla “Crenzas e diñeiro: o que ninguén nos ensinou na escola”, impartida pola mentora en finanzas Laura Macía.

A programación inclúe tamén actividades vinculadas a datas sinaladas, como a Andaina solidaria contra o Cancro de Mama o 21 de outubro, e a conmemoración do 25 de novembro, día contra a violencia machista, no que se lerá un manifesto e se repartirá material informativo.

⚙ Configurar cookies
0.097740888595581