O Concello de Quiroga completa a sinalización da Ruta das Fervenzas

RibeiraSacraXa
Instaláronse cinco sinais indicativas en puntos clave desta ruta que conta cun percorrido duns 25 quilómetros entre Quiroga e Vieiros
ruta-das-fervenzas-de-quiroga
19 Nov 2025

O Concello de Quiroga, grazas ao Plan de Sostibilidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, instalou nova sinalización na Ruta das Fervenzas, que conta desde agora con cinco sinais indicativas en puntos clave como os cruces de Vilaverde, Barreiro e a Cruz de Outeiro, mellorando así a orientación dos visitantes.

Ademais desta nova sinalización, explican desde o consistorio, os accesos aos sendeiros que conducen ás fervenzas xa estaban debidamente sinalizados e a ruta pode seguirse a través de Google Maps, facilitando o acceso, a descarga para GPS e o seguimento mediante teléfonos móbiles.

A ruta comprende un percorrido duns 25 quilómetros entre Quiroga e Vieiros, dentro do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Caurel, e inclúe algunhas das fervenzas máis espectaculares e accesibles do municipio. Entre elas, destacan a Fervenza do Pombar, próxima á aldea da Cruz de Outeiro, cun salto de auga duns 12 metros; a Fervenza da Pedriña, tamén preto da Cruz de Outeiro, que presenta unha caída duns 15 metros; a Fervenza das Gurbias, na aldea da Seara; a Fervenza do Fócaro; e a Fervenza de Vieiros, que se precipita uns 35 metros nun dos lugares máis recoñecidos da zona.

Ademais, lembran desde o Concello, incorporouse recentemente un fito dedicado ao poeta Uxío Novoneyra, que se integra na ruta literaria de Quiroga, sumando así valor cultural a esta iniciativa turística.

⚙ Configurar cookies
0.069776058197021