O Concello de Quiroga brindou pola vila e os seus veciños na derradeira sesión plenaria
A corporación municipal de Quiroga celebraba a derradeira sesión plenaria deste ano. O primeiro punto, aprobado por unanimidade, foi a ratificación do convenio de colaboración educativa entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a realización de prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares do alumnado de todas as titulacións oficiais de grao e master universitario, impartidas na Universidade de Santiago de Compostela.
A continuación, tamén se aprobaba por unanimidade, a proposta da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo aproveitamento especial do dominio público local por instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. Como explicou o alcalde – presidente, Julio Álvarez, esta ordenanza fíxase a través dun convenio coa Deputación Provincial que aprobarán a maioría dos concellos da provincia de Lugo para esixir que as empresas que aproveitan os recursos eléctricos do municipio, paguen algo máis por ese aproveitamento.
O último punto tratado foi unha moción do grupo municipal popular para mostrar o apoio, sen fisuras, ás forzas e corpos de seguridade do estado e policías locais para esixir ao Goberno de España que non modifique a Ley de Seguridade Cidadá.
Por tratarse da derradeira sesión plenaria deste ano e dadas as datas nas que nos atopamos, a corporación municipal aproveitou para felicitar as festas e o aninovo a todos os veciños e, con viño das tres adegas de Quiroga, facer un brinde por Quiroga e polos quirogueses.