O Concello de Quiroga avanza os cambios para a XXI Mostra do Aceite

RibeiraSacraXa
O lugar das Farrapas en Bendilló acollerá o 30 de maio unha Mostra do Aceite diferente e adaptada a unhas normas sanitarias pola covid.
cartel mostra aceite quiroga portada
25 Abr 2021

O lugar das Farrapas en Bendilló  acollerá finalmente o 30 de maio unha Mostra do Aceite diferente e adaptada a unhas normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes na covid. A XXI Mostra do Aceite de Quiroga celebrarase baixo unhas condicións sanitarias que esixen cambios na súa organización.

Os asistentes a esta Festa de Interese Turístico poderán seguir desfrutando da posta en funcionamento do muíño de aceite tradicional, adquirir o aceite de oliva virxe extra que se produce en Quiroga e mesmo comer no recinto feiral, pero todo supeditado a unhas normas de control de persoas en todo o recinto feiral.

Segundo o rexedor local, Julio Álvarez, trátase dunha mostra cunha normativa adecuada que cumprirá as normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes en cada momento, pero co mesmo atractivo e servizo de anteriores edicións. Cumprindo co compromiso do Goberno Municipal de non deixar de organizar cousas para que veciños e visitantes, sempre con sentidiño, poidan participar dun dos atractivos turísticos do municipio.

O recinto feiral estará aberto dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño poderase concertar cita previa, a través do teléfono 982.43.51.25. A organización decidiu que en cada hora ( duración que se estima de cada visita) non haxa máis de 200 persoas en todo o recinto feiral, polo que ainda que a entrada é libre, darase preferencia de entrada a quen concertara previamente a cita.

As normas sanitarias que rexan no momento da celebración desta Mostra do Aceite cumpriranse “con orden e disciplina” segundo recalcou o alcalde de Quiroga, o que non impide que se poida poñer en marcha novamente o muíño de aceite tradicional e se abra o recinto feiral deste produto típico de Quiroga que segue loitando pola súa Denominación de Orixe.

mostra do aceite quiroga cartel
0.19806504249573