O Concello de Quiroga advirte do mal estado das estradas afectadas polos incendios deste verán tras as choivas

O Concello de Quiroga informa de que a gran cantidade de auga caída nas últimas semanas está a complicar a circulación polas estradas do municipio. Segundo indican desde o propio Concello, o mal estado do asfalto afecta tanto a estradas convencionais como a nacionais, cuxo firme se deteriora cada día que pasa e acumúlase máis auga.
Desde a administración local sinalan que a estas condicións súmase o chan danado polos incendios que afectaron ao municipio durante o verán, o que agrava a situación. Un exemplo destacado é a estrada que une Rugando con Vilarmel, onde os arrastres de terra e pedras dificultan a circulación e incluso se produciron desprendementos de freitas.
O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, e o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, acompañados dun técnico municipal, desprazáronse este xoves ata a estrada para comprobar in situ o estado da vía.
Desde o Concello explican que a tarde de onte produciuse un desprendemento entre Rugando e o cruce de Vilarmel que, aínda que non impide o uso da estrada, require extremar as precaucións. O Grupo de Emerxencias achegouse á zona para sinalizar o lugar e esta mañá traballábase na limpeza de varios puntos afectados polo arrastre de terra e pedras.
O Concello de Quiroga lembra a todas as persoas que circulen por esta estrada que extremen a precaución debido aos arrastres provocados pola choiva nesta zona.