150 motoristas citáronse en Pantón na primeira proba do Campionato de España de Enduro

RibeiraSacraXa
A proba celebrada esta fin de semana en Pantón deu inicio ao campionato, que continuará o vindeiro 24 de abril en Barcelona
campionato-de-enduro-de-panton
Campionato de España de Enduro, Pantón
18 Mar 2025

O Concello de Pantón acollía na fin de semana do 15 e 16 de marzo a primeira proba do nacional de enduro do Campionato de España. O MotoClub A Peroxa coa colaboración do Concello de Pantón, Xunta de Galicia e outras entidades organizaba unha cita que levou polos circuítos Monte de Eiré, Ferreiroá e Monte Baliño aos máis de 150 motoristas inscritos.

A climatoloxía acompañou nunha fin de semana “gloriosa”, segundo cualifican dende o Concello, permitindo a pilotos e aos centos de afeccionados gozar ao máximo dos tres especiais naturais e case dúas horas cronometradas. O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destaca o éxito da cita: “as propostas de Enduro que levamos varios anos celebrando no municipio atraen a numerosos visitantes a Pantón. Os espazos naturais que ofrecemos e as paisaxes fan as delicias de motoristas e público. As probas son accesibles e próximas o que permite desfrutar de todo o espectáculo das dúas rodas nunha contorna natural inigualable”.

A próxima proba do campionato será en Gironella, Barcelona, o 24 de abril. Alí chegará como líder o piloto francés, Antoine Magain, que se mostrou intratable na proba celebrada en Pantón. Acompañárono no podio Sergio Navarro (E2) e Jaume Betriu (E3).

Botouse en falta a presenza de Josep García, vixente campión, recuperándose dunha inesperada lesión. Albin Elowson e Alejandro Navarro repartíronse a cuarta posición o sábado e o domingo. En Enduro1, Álex Puey asinaba o seu primeiro dobrete de categoría e Rosie Rowett vencía en mulleres por diante de María San Miguel e Mireia Rabionet. A organización destaca a actuación da corredora de Samos, Elena López, que rematou unha proba sen penalizacións para seguir puntuando no Campionato.

⚙ Configurar cookies
0.67009687423706