O Concello de Pantón e a Xunta formalizan a cesión dos terreos para a construción dun novo centro de saúde

A Xunta e o Concello de Pantón asinaron este martes a a cesión á Administración autonómica da parcela na que se prevé a execución do novo centro de saúde do municipio, situada na rúa Manuel María de Ferreira de Pantón, dispón dunha superficie de 676 m2.
A actuación, prevista no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria de Galicia, permitirá a substitución do actual centro de saúde, que data do ano 1982 e que presenta un alto grado de obsolescencia e certo déficit a nivel de eficiencia enerxética, por outro novo que permitirá dar unha mellor resposta asistencial aos máis de 2.100 veciños e veciñas cuxas tarxetas sanitarias estás adheridas ao centro de saúde deste municipio.
O novo centro de saúde contará cunha superficie de 550 metros cadrados e albergará dúas consultas de medicina xeral, dúas consultas de enfermería e unha sala de tipo polivalente, que poderá facer, tamén, as veces de consulta. Ademais, o novo centro de saúde terá unha sala de toma de mostras e unha sala de técnicas, apta para a realización de cirurxía menor.