O Concello de Pantón, a través da Concellaría de Cultura, programa unha ampla e variada actividade
O Concello de Pantón, a través da Concellaría de Cultura, programa unha ampla e variada actividade para desenvolver nos meses de outubro e novembro.
Desde comezos de mes e ata finais de tempada organízanse actividades deportivas en Ferreira e nas parroquias. 160 persoas participan das propostas de ximnasia de mantemento, aerobic e pilates, que se levan a cabo na capitalidade municipal e en parroquias como Cangas, Xesteira, Espasantes, Acedre ou Tuiriz.
Tamén, ao longo de outubro, deron comezo dous obradoiros que se desevolven na Casa da Cultura de Ferreira. Por unha banda, o obradoiro de costura creativa, que ten lugar todos os venres de 17.00 a 19.30 horas e, por outra, o obradoiro de scrapbooking, que se leva a cabo todos os luns de 18.00 a 20.00 horas.
Así, este 23 de outubro dey comezo unha actividade que goza de grande éxito en Pantón o Obradoiro de Técnicas de Traballo Intelectual. Este obradoiro comezou como un taller de memoria para adultos, e a actividade foise adaptando ás persoas participantes como comenta o alcalde, José Luis Álvarez, “viña xente de 60 anos en diante e fomos vendo que a maioría das persoas que acudían non tiñan problemas de memoria, se non perda de habilidades por falta de uso”.
Ademais, neste mes, un grupo de veciñas e veciños de Pantón subiuse ao autobús do teatro para viaxar a Santiago de Compostela a ver a obra 'Terceiro Acto'; no Salón Teatro, dentro do Programa de mobilidade do Centro Dramático Galego. E movéronse para facer a Ruta do Xanarteiro e coñecer paisaxes e recursos do municipio.
O 31 de outubro prográmase o Samaín Familiar, no que desde as 20.00 horas na Praza do Concello se contará con busca do tesouro. "Unha cita de medo para pasar en familia con agasallos para os tres primeiros".
Outra cita propia desta época será o 9 de novembro, para celebrar Magosto Popular ás 18.00 horas na Praza do Concello con actuación musical.
A programación cultural de novembro no Concello de Pantón complétase con tres citas teatrais gratuítas para todos os públicos que se desenvolverán na casa da cultura ás 18.00 horas. Así, o 10 de novembro, o grupo Viravent porá en escea a obra 'Copacabana'; o 17 de novembro o grupo do Hospital de Lugo representará 'Asasinato na tenda de roupa'; e o 24 o grupo Loia Producións representará a obra 'María Visitación Consolación Amadora'.
Toda esta actividade complétase coa exposición que se pode visitar ata o 29 de novembro no segundo piso da Casa da Cultura. Trátase da mostra fotográfica Ingredientes de cocktails macrofotografía.