O Concello de Monforte ultima as obras de mellora no Cemiterio Municipal

O alcalde, José Tomé, visitou as actuacións que se están a executar no Cemiterio Vello e comprobou que avanzan “a bo ritmo”, co obxectivo de que estean rematadas a finais de outubro. Deste xeito, explicou, “os monfortinos e monfortinas poidan celebrar o tradicional Día de Santos visitando aos seus seres queridos nas mellores condicións”.
Os traballos supoñen unha mellora integral de 3.199,50 metros cadrados, distribuídos en cinco fases que se corresponden con diferentes zonas do camposanto. As intervencións consisten na explanación e demolición da soleira existente, para despois colocar un novo pavimento de formigón. O proxecto inclúe tamén a instalación dunha rigola para recoller as augas pluviais, conectada á rede de sumidoiros das rúas principais.
Segundo destacou o rexedor, “debido á importancia social e patrimonial que ten o noso Cemiterio Municipal, consideramos necesario pavimentar estas rúas que estaban sen pavimentar ou cun pavimento defectuoso, e dignificar o lugar onde descansan de xeito definitivo os homes e mulleres que fixeron de Monforte a cidade que somos hoxe”.
A actuación conta cun orzamento que supera os 210.000 euros, unha cifra que Tomé cualificou de “importante inversión, que sen dúbida mellorará os servizos que o Cemiterio Municipal ofrece ós seus usuarios, que son a inmensa maioría dos veciños e veciñas de Monforte”.
O alcalde incidiu tamén no valor simbólico do recinto, que desctacou, “é un espazo de recollemento pero tamén un gran patrimonio cultural. Nel descansan defuntos máis coñecidos e outros moitos cidadáns anónimos que en vida conviviron na cidade, todos eles monfortinos e monfortinas”. Con esta actuación, engadiu, búscase que os visitantes “se atopen a gusto e poidan transitar con comodidade polas súas rúas interiores, para visitar ós seus defuntos e para coidar ás súas tumbas ou nichos”.